Miles de cidadáns deron o último adeus a Concha Velasco en Valladolid

A cidade, da que era natural a actriz, acolleu un emotivo funeral na Catedral tras recibir os seus restos mortais, rodeada de familiares e o agarimo de miles dos seus paisanos, que acudiron a renderlle homenaxe. O féretro foi enterrado no Panteón de Valisoletanos Ilustres do cemiterio do Carmen, xunto a personalidades como José Zorrilla, Miguel Delibes ou Rosa Chacel. Durante a misa, o seu fillo Manuel Velasco, agradeceu a homenaxe e dixo que a súa nai «desde o ceo, seguro que puido ver este recoñecemento e todo o agarimo da xente». «Son días estraños, tristes pero tamén bonitos, ao ver tanta devoción cara a ela», expresou. Unha vez finalizado o oficio relixioso, o féretro cos restos de Concha Velasco saíu da catedral acompañado por unha ovación e aplausos das persoas que esperaban fóra do edificio relixioso. O posterior enterro no cemiterio do Carmen realizouse na máis estrita intimidade, por expreso desexo de familia e amigos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha