Miles de persoas foron evacuadas este mércores no sur de Noruega debido ás inundacións provocadas polo desbordamento das augas dos ríos a causa do temporal que afecta o norte de Europa nos últimos días. Decenas de estradas provinciais e varias vías nacionais foron cortadas por desprendementos de terra e riadas, do mesmo xeito que varios tramos de ferrocarril, como o que une Oslo co aeroporto da capital, informaron as autoridades norueguesas, que mobilizaron máis helicópteros para axudar nos labores de evacuación. Tamén foi evacuada a central eléctrica de Braskereidfoss en Våler (sur), debido a que as masas de auga desbordan o dique e comezaron a entrar no interior da estación, polo que a Policía e o Exército estudan realizar detonacións parciais controladas. As autoridades norueguesas non informaron polo momento de vítimas mortais a causa do temporal, bautizado ‘Hans’ nos países escandinavos.