Miles de persoas acoden á capela ardente para despedir ao papa emérito


Miles de fieis despídense desde este luns de Bieito XVI na capela ardente que se abriu na basílica de San Pedro. Moitos visitantes fixeron cola na praza desde a madrugada para poder acceder os primeiros e está previsto que o velorio continúe ata as sete da tarde, tamén este martes e mércores.

Como Bieito XVI renunciou ao pontificado en 2013, para a cerimonia prescindiuse dalgúns distintivos que simbolizan a potestade de goberno. Así, non leva a cruz pastoral nin o palio papal. No seu lugar, colocarase o palio sobre o cadaleito como se fai para os bispos eméritos.

O féretro trasladouse desde o mosteiro Mater Ecclesiae, onde viviu desde a súa renuncia e morreu o sábado 31 de decembro ás 9:34 horas. O primeiro en velalo foi o Papa Francisco e será o encargado de oficiar a misa do funeral, este xoves 5 de xaneiro na praza de San Pedro.

De novo, os fieis poderán asistir a ese último adeus ao que, de forma oficial, só se convidou ás delegacións de Italia e Alemaña. Outras autoridades poderían asistir, con todo, a título persoal. En total, espérase ata unhas 60.000 persoas.