Miles de persoas contra o «desmantelamento» da sanidade polo Goberno de Feijóo

Cedida.

Miles de persoas chegadas desde diferentes puntos de Galicia manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela en contra da «deterioración» e «desmantelamento» da sanidade pública galega que implantou «o Goberno de Feijóo en once anos de mandato».

Sociedade civil, profesionais sanitarios e todos os partidos da oposición do Parlamento galego –PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea– saíron á rúa «unidos» fronte a «unha Xunta que fai oídos xordos» ás reivindicacións do «clamor popular».

Representantes de SOS Sanidade Pública e dos distintos partidos políticos, así como do colectivo «defende a galega» e miles de galegos e galegas protestaron este domingo para conseguir unha sanidade «universal, equitativa, eficaz e accesible» independentemente de se residen nunha zona rural ou urbana.

Berros de «Feijóo dimisión» ou «Verín non se pecha» protagonizaron unha manifestación en Compostela que empezou na Alameda e que terminou na praza da Quintana.