Miles de persoas déronse cita este domingo na Festa das Cereixas de Paiosaco


Como cada primeiro domingo do mes de xullo, este domingo en Paiosaco estaba todo preparado para unha xornada de feira especial, a exaltación da cereixa como produto estrela, nunha Festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Non hai produto suficiente na comarca para abastecer a demanda que tal día como este domingo se produce desta froita na vila larachesa. Por iso, a inmensa maioría levaban o selo foráneo, moitas delas de Tomavacas e do Valle do Jerte en Cáceres.

A Cereixa do Jerte inclúe un grupo de variedades autóctonas con Denominación de Orixe Protexida. Entre elas, destacan as Picotas do Jerte, catro variedades locais do Valle do Jerte: Ambrunés, Pico Negro, Pico Limón e pico Colorado. A máis doce e que se produce en maior cantidade é a primeira. Nesta ocasión o prezo oscilou ao redor dos cinco euros o quilo.

Este ano a colleita foi boa e o produto chegou en inmellorables condicións á cita, pero ademais todo tipo de produtos da horta, comestibles, roupa e calzado, (como de costume), así como a sintonía da charanga Malandros, animaron unha xornada ventosa, pero onde a choiva nin estivo nin se lle esperaba, polo que púidose gozar dunha das feiras de Paiosaco máis concorrida dos últimos meses.

Para completar os actos do día, xa pola tarde ás 19:00 horas a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco ofreceu un espectáculo de música e baile tradicionais galegos.

Pola noite, a partir das 22:00 horas, púxose o broche de ouro á Festa das Cereixas co concerto de Guadi Galego. A que fora vocalista, pianista e gaiteira de Berrogüeto iniciou en 2009 unha destacada carreira en solitario que a levou a ser unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. En Paiosaco soaron os temas do seu último disco, Costuras.