Desde primeiras horas da mañá deste sábado decenas de incondicionais da festa máis entroideira e multitudinaria da zona foron enchendo Buño converténdose en centenares que pasaron a ser miles de persoas. Os máis madrugadores acudiron xa á sesión vermú ‘sen fin’ que tivo lugar á unha da tarde na Praza de Buño. Acto seguido concentráronse na contorna de Canta la Rana para facer o percorrido habitual de bares ao ritmo dun animado ‘Partybus’ coa selección musical de varios Djs.
Tras situarse no cruzamento de Xornes, a partir das cinco da tarde o ritmo da música fíxose máis contundente e incesante coa discoteca móbil Chocolate. Xa coa caída da noite chegou a misa cantada a cargo do polifacético Lito, cantante da orquestra Panorama, e o non menos ‘artista’ padre Roy. Concluída a misa chegou outro dos momentos álxidos da festa, a ‘queima da Mikaela’ no campo da festa.
A celebración continuaba ata altas horas da madrugada con dous escenarios baixo carpa, coa presenza tamén da discoteca móbil Euphoria e a actuación de varios dos Djs protagonistas na emisora de radio Novahit, onde producen dous dos programas relevantes da noite do sábado centrados na música de baile, Italian Style e World Hits, eles són Dj Charlie, e Dj Roy, acompañados dun amplo elenco de colaboradores.