A chamada a filas por parte do goberno desata as protestas en Rusia. Este mércores, o presidente do país, Vladímir Putin, anunciou unha «mobilización parcial», que consiste en que ao redor de 300.000 membros das reservas militares terán que acudir ao campo de batalla. Esta medida xerou tensión internacional cos países que apoian a Ucraína, unha apresurada compra de voos para fuxir de Rusia e que miles de persoas saian sen medo ás rúas para manifestar o seu desacordo coa guerra: Unha muller que se atopaba nas protestas explicaba: «Estou aquí porque estou en contra do que fan chamar ‘operación militar especial’. Deberiamos ter medo antes porque o peor xa pasou». «Non temos medo. O que sentimos é odio contra este réxime que quere acabar coa vida dos nosos fillos. O meu fillo ten 18 anos e non quero que morra. Quero que viva», dicía outra manifestante. Segundo a organización independente OVD-Info, polo momento xa hai máis de 1.300 detidos en todo o país, unha cifra que está a crecer. Estas protestas mostran o crecente malestar dunha parte da poboación, que saíu á rúa a pesar de que a Fiscalía advertiu de que castigará con ata 15 anos de cárcere a participación neste tipo de actos, considerados ilegais.
44