Milleiros de mulleres participan na folga e nas 31 mobilizacións convocadas pola CIG este 8M

1 minutes read

Milleiros de traballadoras de todas as actividades económicas secundaron a folga de mulleres e participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG neste 8 de Marzo, marcado polas medidas derivadas da pandemia e pola campaña de desmobilización, criminalización e acoso social promovida dende os poderes públicos.

Unha situación malia a que, tal e como afirmou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ao remate da mobilización convocada na Coruña, «hoxe demostramos, unha vez máis, e en condicións moi adversas, a inmensa capacidade de mobilización das traballadoras galegas, convocando 31 accións combativas nunha chea de localidades do país, porque non imos permitir que as mulleres paguemos a crise sanitaria co noso lombo, co noso traballo de balde, limpando, coidando e curando».