Milleiros de persoas atenden á chamada do BNG para reivindicar máis soberanía para Galicia

  • Fronte a corrupción rampante do bipartidismo, Ana Pontón nomeou un BNG que nunca tivo un condenado por corrupción e que serve ao País coas mans limpas.

A portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou neste Día da Patria que Galiza “é unha nación pola que merece a pena loitar”, e por iso o BNG volve congregarse no corazón do País non só para conmemorar senón para renovar “un compromiso, un vínculo e un latexo compartido polos que estiveron antes, os que están agora e os que virán”. “Esta Patria vale a pena defendela”, sentenciou nunha abarrotada Praza da Quintana.

Cun BNG no mellor momento da súa historia e convencida de que a sociedade galega iniciou un cambio que xa é imparable, a líder nacionalista deixou claro que a folla de ruta do Bloque pasa por chegar cada día a máis galegos e galegas.

“Co sorriso nos beizos e coa man tendida temos que acoller no BNG a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón, temos que ir transformando ese enorme amor ao País e esa esperanza nun futuro mellor en consciencia política e en apoio electoral. Ese é o noso labor primordial e o noso maior reto nestes intres históricos que vivimos”, destacou na súa intervención.

E nese camiño, alertou Pontón, seguirán os ataques contra o BNG, por terra, mar e aire, con descualificacións propias do estilo da dereita máis “montaraz” para reducir o apoio social ao Bloque, pero seguirán fracasando, augurou, “porque a sociedade mudou e quere unha Galiza máis dona de si, máis próspera e avanzada e por iso o cambio é imparable”.

Convidando a pensar unha Galiza “en grande”, Pontón insistiu na necesidade de “incorporar” máis pobo, logrando que o BNG sexa a “casa común” de todos os galegos e as galegas. Cunha referencia expresa ao papel que deben xogar as mulleres.

“Somos unha nación de mulleres valentes, traballadoras, que en circunstancias duras, sostiveron o País coas súas mans”, recalcou, ao tempo que apelaba ás mulleres a sumarse ao Bloque, “a ter cada vez máis peso nas responsabilidades orgánicas e institucionais, porque temos moito que aportar tanto a esta organización como ao País. Máis mulleres activas é a mellor fórmula para conquistar a igualdade real e unha Galiza mellor, porque o futuro será feminista ou non será”, alegou.

Destacou na súa intervención o contexto estatal que non defrauda, dixo, sempre coa súa crispación, cloacas e a sempiterna corrupción do bipartidismo PP-PSOE, “ambos atados ao colar do mesmo amo: as grandes corporacións que se forran con esa corrupción”.

Corrupción que en Galiza coñecemos ben a través do PP, denunciou, empezando polo mesmo Feijóo que agora pretender dar leccións de ética, tras pasarse anos como presidente da Xunta adxudicando miles de contratos a dedo a empresa que dirixe a súa irma. E agora, Rueda, “alumno avantaxado de Montoro”, que cambia as leis a medida dos intereses  do lobby eléctrico e mineiro.

Prácticas corruptas como pagar 470 M€ de máis pola construción privatizada do Hospital de Vigo, coa participación de empresas como Acciona, “casualidades”, ironizou; a ampliación ilegal de Aznar da estafa da AP-9 ou o intento de branquear unha monarquía salpicada pola corrupción concedéndolle a Leonor de Borbón a máxima distinción de Galiza, “sen máis mérito que ter ido de furanchos por Pontevedra”. Fronte a esta lameira de corrupción, indicou, a alternativa é o BNG.

Mans limpas e cabeza alta

“Tras 40 anos gobernando institucións moi importantes non temos nin un só condenado por corrupción, nin un só; porque o noso compás é claro: servir ao País e non servirse do País e facémolo coas mans limpas e a cabeza alta”, argumentou, ao tempo que atribuía o mérito desa maneira de facer política “aos milleiros de militantes e simpatizantes” que son o “maior activo” do BNG.

Por iso hoxe, alegou Pontón, o Bloque é a gran esperanza da cidadanía que se rebela contra ese deseño centralista do PP; que se rebela contra o goberno de Rueda convertido no máis desleal da historia; o mesmo que está vendendo o País a prezo de saldo, facilitando o espolio do aforro, da riqueza eléctrica e das materias primas. “ALTRI non, Galiza si”, proclamou, para indicar que coa forza da xente, “imos pararlles os pés e gañar esta batalla”, a un Executivo popular que, ademais,  empeora a vida da xente con recortes e privatizacións dos servizos públicos.

“Galiza merece moito máis que este goberno submiso a estratexia do PP de Madrid, moito máis que un presidente antigalego que mesmo vota en contra da nosa lingua”, denunciou, “volveremos demostrarlles que son uns imperialistas fracasados, sempre en Galiza, sempre en galego!”, proclamou.

Paz, igualdade, democracia

Pontón tamén adicou parte da súa intervención ao contexto internacional marcado polo xenocidio do pobo palestino ante a conivencia dunha Unión Europea.

“Falar claro é denunciar o imperialismo ianqui que Trump e súa oligarquía mostran con total descaro, empeñados en someter ao mundo aos seus intereses, e condenar a barbarie do estado criminal de Israel sobre Palestina”, mentres a UE mira para outro lado”. Os que falan agora de autonomía estratéxica europea para ser cribles deben empezar por dicir non ao 5% do gasto militar “e por dicirlle a Trump que non queremos nin as súas bases nin a súa OTAN”, alegou.

“Temos que rebelarnos contra este escuro futuro e a alternativa está aquí, nos pobos e nacións de Europa que defendemos a democracia, o antimperialismo e o pacifismo. Porque hoxe esa é unha tarefa urxente: a defensa da paz, da igualdade entre os pobos e  da democracia”, concluíu.

Related posts

A Xunta suspende feiras, concursos e certames de gando ante a dermatose nodular contaxiosa

Falece o ocupante dun turismo accidentado en Lugo, tiña 23 anos

Rueda reivindica o liderado de Galicia no sector da acuicultura e aposta por atraer novos investimentos