En Galicia as mobilizacións, contra as prácticas que previsiblemente levará a cabo o que será o novo Goberno de España, tiveron lugar na Coruña (10.000 asistentes segundo o PP, 6.500 segundo a Delegación do Goberno), Pontevedra (entre 4.000 e 10.000 mil persoas), Lugo (entre 2.500 e 4.000) e Ourense (entre 300 e 4.000), todas elas encabezadas polos lemas «Pola igualdade dos españois», «Non á amnistía» e «España non se rende».
Nas marchas, nas que participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e boa parte dos conselleiros do Goberno galego, leuse un manifesto (único para todo o Estado) que alertou de que a democracia está en perigo e na que se acusou o Partido Socialista de «atacar» á Constitución e á separación de poderes.
O manifesto foi lido en cada unha das cidades polos responsables provinciais do partido (Diego Calvo na Coruña, Elena Candia en Lugo); en Ourense fíxoo o tamén presidente da Deputación, Luís Menor. E en Pontevedra (onde se desprazou Alfonso Rueda) o encargado foi o ex ciclista Óscar Pereiro. Precisamente en Pontevedra a lectura do manifesto en galego provocou protestas dun grupo dos asistentes á marcha, que lle pedían a Pereiro que o fixese en castelán.