Este sábado tivo lugar en Santiago de Compostela unha protesta convocada por unha vintena de colectivos e que logrou o apoio de máis dun cento de organizacións. Uns e outros, esixen a paralización urxente de preto de 200 proxectos eólicos que están en tramitación nas administracións da Xunta de Galicia e do Estado. A manifestación rematou na praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto.
«Pretenden poñer aeroxeradores de 200 metros de altura con todas as infraestruturas asociadas, as liñas de evacuación, as pistas para subir as máquinas aos montes que van ser verdadeiras autoestradas, iso vaille afectar a hidroloxía, os nosos ríos están en perigo», dixo Roi Cuba, presidente de Adega. Hai parques previstos na Serra da Groba, na do Galiñeiro e na do Eixo. Tamén na Mariña Lucense, na Costa da Morte e na Comarca do Deza entre outros lugares. O BNG, o PSdeG e máis forzas da esquerda política piden un novo modelo eólico para Galicia.
«O que está impulsando neste momento o Partido Popular significa a depredación do territorio e que se espolie a riqueza eléctrica que hai en Galicia», afirmou Ana Pontón, lider do BNG.
Pola súa banda Gonzalo Caballero, Secretario xeral do PSdeG afirmou que «non pode buscarse un modelo eólico no que os custos os pagamos entre todos e os beneficios sociais os poidan levar soamente algunhas grandes empresas».