Milleiros de persoas mobilizáronse este domingo en varias cidades de Galicia en solidariedade co pobo palestino e contra os incesantes bombardeos e o asedio que Israel está a realizar sobre a Franxa de Gaza. A Asociación Galaico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina convocaron concentracións e manifestacións ás 12 horas nas cidades da Coruña, Betanzos, Burela, Allariz, Cangas, Carballo, Cee, Pontedeume, Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Vigo e Vilagarcía. En Vigo, unha multitudinaria manifestación percorreu o centro da cidade até chegar á rúa do Principe, na que se coreou, entre outras consignas: O pobo galego, co pobo palestino.