Milleiros de persoas reclamaron en Santiago melloras na sanidade pública


50.000 persoas segundo a organización, percorreron as rúas de Santiago ata a praza do Obradoiro en defensa do sistema público de saúde. Manuel Martín, portavoz da plataforma convocante SOS Sanidade Pública, subliñou ao inicio que o obxectivo é clamar fronte á “mestura imposible de incapacidade e de intención privatizadora” da Xunta en materia sanitaria. A manifestación partiu da Alameda de Santiago tras a pancarta “Na defensa e a mellora da sanidade pública. Queremos a nosa atención primaria”. O segundo lema, sostido por representantes políticos, rezaba: “Na defensa da sanidade pública. Salvemos a atención primaria”. Segundo o portavoz da plataforma, en Galicia existe “incapacidade para acceder á atención primaria” e “gravísimos problemas de calidade asistencial”, polo que o obxectivo é “recuperar o recortado“, para o que a plataforma propón un modelo, que a Xunta ten “nun caixón”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que na manifestación emerxe “unha cidadanía con conciencia que lle está parando os pés ao Partido Popular” en materia sanitaria.

O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que coa manifestación de Santiago, Galicia “explícalle” á Xunta a súa opinión sobre unha política sanitaria que vai “de ocorrencia tras ocorrencia e parche tras parche”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que os partidos da oposición en Galicia só pensan este domingo na sanidade e fano por “un cálculo electoral” para os comicios municipais de maio.