Unha recepción do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, serviu de prólogo ao consello de economía da Unión Europea e América que este venres e sábado se celebra na capital galega.
Será a xuntanza de ministros máis numerosa de toda a presidencia española da Unión Europea. En Santiago vanse xuntar estes dous días as primeiras autoridades económicas do 14% da poboación e do 21% do PIB mundiais.
Aos responsables de economía e finanzas dos Vinte e sete, o coñecido como ECOFIN, vanse sumar os seus homólogos dos 33 paises latinoamericanos e do Caribe, agrupados na CELAC.
Sobre Nadia Calviño estarán postas todas as olladas, e non só por exercer de anfitrioa: do cumio podería saír o nome da persoa que estará á fronte do Banco Europeo de Investimentos. A vicepresidenta é un dos cinco candidatos.