Miño conta cunha nova senda peonil entre Ponte do Porco e a praia de Ribeira


A nova senda peonil, coñecida como a Senda dos sentidos, une Ponte do Porco e o paseo da praia de Ribeira. Esta actuación contou cunha achega de 30.000 euros, cofinanciada, a partes iguais, pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e polo Concello de Miño. Trátase dun camiño peonil, accesible e respectuoso co medio, que permite contemplar unhas fermosas vistas da ría e a observación das moitas especies de aves que o poboan. Con este novo itinerario os veciños contan cun tramo de 1,1 quilómetros de especial beleza porque discorre por toda a zona da costa. Os traballos consistiron no acondicionamento da senda, na instalación de mobiliario como bancos e na colocación de sinais e paneis informativos, nos que ademais de informar do percorrido dáse información sobre a flora e fauna da contorna así como da diversidade e formas de coidar o espazo. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a nova senda peonil acompañado de membros do goberno local de Miño.