O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou das actuacións do Goberno para garantir a seguridade, favorecer o tránsito e abordar a reconstrución do viaduto de O Castro, na autovía A-6, tras o accidente sen feridos producido o martes en sentido A Coruña ao seu paso pola provincia de Lugo. O delegado manifestou que o Ministerio de Transportes adoptou “todas as medidas necesarias para evitar maiores consecuencias e reducir as dificultades na circulación” na comunicación viaria entre Galicia e Castela e León.
José Miñones remarcou que “a prioridade número un é garantir a seguridade”. Nese sentido, indicou que o paso permanecerá pechado en ambos os sentidos: tanto os carrís de entrada a Galicia, que xa estaban clausurados por traballos de reparación cando se produciu o esborralle, como os de saída, que non resultaron afectados.
Para garantir a circulación entre Galicia e a meseta, o Goberno desviou o tráfico rodado pola estrada N-6. O Executivo trasladou toda a información tanto á Xunta de Galicia como á Junta de Castilla y León, as dúas comunidades afectadas, coas que manterá comunicación fluída sobre este dispositivo.