Mira aquí o novo vídeo de promoción turística da Laracha

Cunha duración de sete minutos e medio, no vídeo expóñense dun xeito dinámico os principais recursos turísticos municipais apostando por destacar a espectacularidade das imaxes aéreas. Caión, a súa praia con bandeira azul e o xeodestino Costa da Morte teñen un especial protagonismo, pero tamén se fai énfase na zona interior coa Feira de Paiosaco, a riqueza medioambiental da área recreativa de Gabenlle e dos entornos fluviais (incluíndo o museo dos muíños de Golmar), o patrimonio arqueolóxico (Castro de Montes Claros) e arquitectónico (mosteiro de San Pedro de Soandres), as festas populares (salientando a Romaría dos Milagres e a Feira das Cereixas como Festas de Interese Turístico de Galicia), a gastronomía e as posibilidades de turismo activo.

Promocionar o Concello para captar turistas e visitantes é o obxectivo fundamental da realización deste vídeo, pero non o único. Tamén se pretende ofrecer unha imaxe global do municipio explicando as oportunidades que ofrece A Laracha tanto ás persoas que están á procura de atopar un lugar no que fixar a súa residencia como a empresas e posibles investidores. É por iso que na parte final se fai un breve percorrido polas principais infraestruturas, servizos públicos e eventos, así como polo polígono industrial.

O Concello da Laracha está a traballar na realización doutro vídeo turístico de menor duración –en torno a un minuto- para facilitar o seu visionado e adaptarse ós perfís dos diferentes usuarios das redes sociais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha