O Concello de Malpica de Bergantiños presenta a última publicación do investigador Juan Félix Neira Pérez: Misterios e encantos de Bergantiños (Edicións Embora). A cita será este sábado 7 de xaneiro, ás 19:00 horas, na igrexa románica de Santiago de Mens, con acceso libre e sen necesidade de inscrición.
A mesa de presentación estará formada, ademais de polo autor, pola arqueóloga e historiadora de Barizo, Ana María Romero Masiá; o alcalde, Eduardo José Parga Veiga; a concelleira de Cultura, Patrimonio e Deporte, Noelia Freijeiro Novo; e polo director da Colección Costa da Morte, Xosé Manuel Varela Varela.
O acto iniciarase cun percorrido guiado a cargo de Félix Neira pola riqueza artística e arquitectónica do interior desta igrexa románica. Segundo comenta Neira Pérez “vanse dar a coñecer aspectos inéditos desta igrexa e mesmo algún de carácter milenario”.
Desde a Concellería de Cultura escolleuse este espazo para a presentación do libro non só polo carácter simbólico do templo, o mellor exemplo de arte e arquitectura románica bergantiñá, senón tamén porque unha das lendas que recolleu Rafael Ares foi precisamente a do Trigal Maldito que fala dun túnel que une as Torres de Mens coa igrexa de Santiago.
Outras lendas malpicás compiladas en Misterios e encantos de Bergantiños son a da Pedra do Eirado, coñecida hoxe en día como A Pedra da Vella, sita na ladeira sur do monte de Beo ou a da Impía Galilea, que está somerxida nos Baixos de Baldaio fronte á costa da parroquia de Cambre.