Mobilización cidadá contra un parque eólico nos Penedos de Pasarela


  • A zona, declarada Paisaxe Protexida pola Xunta, podería quedar danada de xeito considerable

O parque eólico Monte Chan da empresa EDP ameaza a paraxe natural dos Penedos de Pasarela e Traba, declarada Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia no ano 2008, e centos de veciños da comarca iniciaron nas redes sociais unha mobilización para loitar en defensa destas formacións rochosas que se sitúan entre os concellos de Vimianzo e Laxe.

A zona dos Penedos é unha das extensións graníticas máis importantes de Galicia. As pedras destacan pola súa singular beleza pero, sobre todo, polas súas curiosas formas, podendo entreverse figuras antropomórficas e zoomórficas causadas de xeito natural.

Hai máis de vinte anos os veciños da zona uníronse a varias asociacións medioambientais para evitar que o lugar se convertese nunha canteira, e semella que este ano volverán a loitar para evitar que se instale un parque eólico que non só danará a paisaxe da contorna, senón que mesmo contempla a instalacións dun aeroxerador na Cachucha, no corazón dos Penedos.