Mobilización multitudinaria contra o peche da central das Pontes

1 minutes read
  • Os organizadores cifran en 800 os camións, turismos e tractores que partiron dende As Pontes e colapsaron os accesos á Coruña con 15 quilómetros de retencións.

Encabezaban a protesta os transportitas do carbón, un dos colectivos máis afectados pola paralización da térmica. Canda eles, compañeiros camioneiros e centos de particulares nos seus turirmos percorreron os máis de cen quilómetros que separan As Pontes da Coruña. Viaxaron xuntos ata Pontedeume, e desde alí dividíronse en dúas rutas: uns pola Nacional VI e outros pola autoestrada AP-9.

A súa presenza notouse especialmente á entrada da cidade da Coruña, onde confluíron de novo e provocaron retencións de ata quince quilómetros. Os manifestantes piden que se garanta o emprego nas Pontes, máis alá de que se deixe de producir con carbón.

Todos teñen a vista posta na xuntanza prevista este mércores en Madrid coa ministra de Transición Ecolóxica, da que agardan unha solución para garantir os milleiros de postos de traballo que están en xogo.

O alcalde das Pontes agarda que nesa xuntanza se concreten accións para salvar a central das Pontes. Desde o Partido Popular critican que o Goberno pretenda pechar a térmica sen buscar alternativas.