Mobilizacións agrarias conxuntas este 20F en toda Galicia

1 minutes read

A gandeira e Vicerresponsábel do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, presentou na Coruña en rolda de prensa canda representantes da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA) a táboa conxunta de reivindicacións e o calendario de mobilizacións que terán lugar este martes 20 de febreiro en múltiples puntos da xeografía galega.

Posteriormente, as representantes das organizacións agrarias mantiveron unha xuntanza co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que debullaron polo miúdo as reivindicacións que motivan estas mobilizacións.

Dende o Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez, fixo fincapé na falta de adecuación á Galicia das políticas agrarias desenvolvidas polo propio Ministerio de Agricultura, e de xeito diferenciado nas establecidas para o desenvolvemento da Política Agraria Común (PAC). O Delegado expresou o seu acordo con esta análise, manifestando o seu apoio a tentar adecuar estas medidas á realidade galega.