Mobilizados 50 millóns de euros nun Plan de Reactivación económica provincial

1 minutes read

A Deputación da Coruña e ABANCA asinaron un acordo para o lanzamento dunha iniciativa que dá continuidade e un novo impulso ao Plan Activamos, aplicado nos últimos anos por ambas as dúas entidades para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia coa concesión de financiación en condiciones preferentes a diferentes colectivos.

A través do Plan Reactivación A Coruña, ABANCA pon ao dispor dos seus beneficiarios diferentes produtos financeiros deseñados para dar resposta ás necesidades das familias, as pemes, as persoas autónomas, e as corporacións locais. A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

No caso das pemes e autónomos o Plan presta especial atención ás súas necesidades de financiamento a curto prazo. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise da COVID-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.

Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica, e a mellora da habitabilidade no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.