Un home foi evacuado ata o centro hospitalario Virxe da Xunqueira de Cee tras sufrir un accidente cunha máquina agrícola no termo municipal de Muxía.
Segundo a información facilitada pola persoa particular que chamou ao 112 Galicia, o ferido foi alcanzado polo tractor no lugar de Merexo, na parroquia de San Martiño, e necesitaba asistencia sanitaria tras pasarlle unha roda por encima dunha perna. De feito, nun principio sinalaba a necesidade de uso do material de excarceración, pero, unha vez no lugar do suceso, os equipos de intervención liberaron ao varón sen facer uso deste equipamento.
As lesións provocadas polo accidente motivaron a mobilización do helicóptero medicalizado de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así o confirmaron os profesionais sanitarios unha vez informados polo 112 Galicia. Para colaborar co persoal sanitario, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.
