O BNG de Carballo presentou unha moción para o seu debate no pleno ordinario deste mes de febreiro na que solicita o apoio de toda a corporación para reclamar á Xunta de Galicia a revisión e actualización inmediata do plan de restauración ambiental da mina de Monte Neme.
A iniciativa chega despois do episodio rexistrado o pasado 31 de xaneiro, cando colapsou unha das balsas, repetindo unha situación xa vivida en 2014 e que volveu xerar risco para a poboación e problemas nas comunicacións entre Aviño e Razo.
O BNG considera que os feitos poñen de manifesto fallos na previsión e na supervisión autonómica e lembra que, malia existir un plan financiado con fondos europeos, este non evitou un novo incidente.
A moción propón instar á Xunta a reformular o plan cun enfoque integral e prioridade absoluta na seguridade da veciñanza, activar de inmediato un plan de emerxencias e garantir o financiamento necesario para recuperar a estabilidade do espazo.