Moción do BNG larachés para que a Xunta paralice o anteproxecto de mellora do ciclo da auga

Xoán Manoel Sande Muñiz_Facebook

  • A moción debatirase no vindeiro pleno ordinario

O BNG larachés, a través do seu portavoz, Xoán Manoel Sande Muñiz, rexistrou unha moción de cara ao próximo pleno ordinario para que o goberno local inste á Xunta de Galicia a que paralice a tramitación do anteproxecto de lei de mellora do ciclo integral da auga. Segundo os nacionalistas, este novo texto chega «despois do seu fracaso ao intentar impoñer a coñecida como SOGAMA da auga no ano 2019, e os obxectivos reais do mesmo poden resumirse en dous: incrementar de xeito importante a carga fiscal da Xunta en relación ao ciclo da auga aos concellos, ás entidades de xestión da auga e ás usuarias domésticas e asimilábeis, e derivar nas entidades locais, concellos e deputacións as súas obrigas e competencias».

Na moción tamén se pide que a Xunta elabore unha planificación integral da xestión do ciclo da auga en Galicia, abrindo un marco de negociacións con todas as entidades implicadas nesa actuación, e que lle reclame ao Estado a competencia sobre a totalidade do sistema hidrolóxico na Comunidade Autónoma.