A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vén de modernizar a rede de abastecemento municipal de auga do Concello de Pontecesures coa construción de novas canalizacións dende os mananciais de Grobas. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, supervisaron esta mañá unha actuación que supuxo un investimento de case 50.000 euros por parte deste departamento pertencente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
“O Goberno galego colabora, como non podía ser doutro xeito, co Concello de Pontecesures nunha competencia municipal na que se acometeu unha mellora que supón aforro de cartos, incremento da eficiencia e, o máis importante, garante a dispoñibilidade e calidade do subministro de auga aos veciños, porque cómpre non esquecer que ante a ameaza de seca que vivimos intensamente este verán, malia a choiva destes días, hai que ser previsores”, sinalou o representante autonómico.
Un punto no que incidiu Vidal Seage, quen enmarcou estas actuacións “na aposta do Concello de Pontecesures por mellorar a xestión do ciclo integral da auga no municipio. Xa fixemos melloras na potabilizadora e agora seguimos mellorando a captación de auga destes 26 mananciais de cara a garantir o subministro á veciñanza en calidade e cantidade”.