Modificada a delimitación e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos en Ferrol e Corcubión

A Consellería do Mar vén de modificar a delimitación e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas rías de Ferrol e Corcubión tras constatar durante os controis realizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) que hai niveis de bacteria E. Coli diferentes dos que determinaron no seu momento a súa clasificación, algo que tamén facilitará o traballo do sector. Os cambios inclúense na orde do 8 de abril de 2019, que modifica a do 8 de setembro de 2006, publicada este martes no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, a orde publicada no DOG supón que a zona As Pías interna agás A Gándara gañe superficie respecto á actual e ocupe toda a área de ameixa de 35 mm de talle. A súa clasificación queda como B estable e deixa de ter asociada a estación da Gándara. Mentres, As Pías externa perde tamaño e inclúe toda a superficie con ameixa babosa de 38 mm, unha zona que queda catalogada como C provisional.

No caso da parte interna da ría de Corcubión, a zona delimitada ata agora e que incluía tanto a extracción de navalla como de outros bivalvos, pasa a subdividirse en tres. A primeira delas incluiría a navalla, o seu principal recurso, e quedaría clasificada como B estable. A segunda zona correspóndese coa praia de Cee, que pasa a ser C estable, e a terceira coa praia de Corcubión, tamén C estable. A orde está en vigor dende o 24 de abril.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha