O rei de Marrocos, Mohamed VI, puxo fin, este venres, á crise diplomática aberta con España a mediados de maio —a maior dos últimos anos entre ambos os países— tras a hospitalización en Logroño do líder do Fronte Polisario, Brahim Gali e a posterior entrada de preto de 10.000 marroquís en dous días en Ceuta. Con ocasión do discurso que anualmente pronuncia pola festa da Revolución do Rey e do Pobo, o monarca marroquí asegurou que quere “inaugurar unha etapa inédita” nas relacións entre os dous países, que se debe basear en “confianza, transparencia, consideración mutua e o respecto aos compromisos”.
Pola súa banda, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, sinalou que España e a UE sempre consideraron a Marrocos «un aliado estratéxico» e agradeceu ao rei Mohamed VI o discurso no que este venres daba por resolta a crise diplomática aberta entre ambos os países para «inaugurar unha etapa inédita». Sánchez deu a benvida a estas palabras e tamén tendeu a man asegurando que «somos aliados, veciños e irmáns» e lanzou un desexo de colaboración futura «desde a confianza e o respecto».