A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez (PSOE), xunto con varios concelleiros do seu partido, ofreceu este martes unha rolda de prensa para «aclarar a polémica xurdida en torno á licitación do contrato de reposición das luminarias»; un proxecto que supera os dous millóns de euros de orzamento e que “tanto ela como o seu grupo de goberno” intentarán que sexa unha “realidade» e que responde a unha «demanda histórica de todo o pobo”, sinalou a rexedora.
Para entrar en antecedentes, ao Concello de Vimianzo concedéuselle unha subvención por parte do Instituto de Diversificación para o Aforro da Enerxía (IDAE) para a renovación de case 4.500 luminarias nas 14 parroquias e nos 133 lugares que integran o municipio. Tal e como destacou Mónica Rodríguez, este proxecto persegue un «aforro na factura municipal, debido a que as luces con tecnoloxía led consumen moito menos que as halóxenas convencionais», un menor impacto ambiental e unha redución da contaminación lumínica. «Os técnicos municipais comezaron a traballar neste expediente en agosto do 2019, dada a complexidade técnica e requisitos da convocatoria», di a alcaldesa, pero nun pleno celebrado en marzo de 2021 «Adiante Vimianzo vota en contra desta proposta xa que tan só así podía optar a presentar un recurso especial».
Tal e como sinalamos neste medio días atrás, Manuel Antelo Pazos, líder de Adiante Vimianzo, presentara ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal) un recurso especial no que impugnaba en ata oito puntos o proxecto. Finalmente, o Tribunal estimou tan só un dos recursos polo que o Concello de Vimianzo deberá revisar os pregos de contratación. «A gran maioría dos argumentos, e que manifesta neste recurso, son exactamente os mesmos mecanismos que el empregaba na súa condición de alcalde, e que agora parecen non ser válidos e carecer de rigorosidade», sinalou Mónica Rodríguez. «O deber que ten a Administración local agora é motivar a memoria» pero en relación «aos restantes sete puntos, a resolución corrobora que tanto a licitación como os pregos son totalmente legais».
O luns celebrouse un pleno extraordinario en Vimianzo para «dar cumprimento expreso á resolución do Tacgal», pero «Adiante Vimianzo solicitou declarar como nulo este procedemento, cando nin a resolución do Tribunal o di», volveu a incidir a alcaldesa, así que «na súa intención dilatoria e xudicializando novamente un proceso no Concello de Vimianzo teriase que volver a iniciar».