Mónica Rodríguez presentará este venres a lista coa que optará á reelección da alcaldía de Vimianzo


Mónica Rodríguez, recentemente elixida para optar á reelección da alcaldía do Concello de Vimianzo, dará a coñecer este venres, na Casa da Cultura e ás 20:00 horas, a lista coa que se presentará ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.

“Hai poucos cambios, trátase dunha relación de nomes consensuada e onde todas e todos poderían ser número 1, ese é o verdadeiro valor do meu equipo”, asegura a alcaldesa, Mónica Rodríguez, primeira rexedora da historia democrática de Vimianzo e quen se amosa ilusionada por continuar un proxecto “que sen dúbida non comezou da mellor maneira posible, xa que tivemos que xestionar a peor lexislatura da historia, pero que nos fai máis ca nunca ter ilusión polo Vimianzo que queremos”, sinala a actual alcaldesa.

Así, repetirán nomes como Víctor Muiño, Rosa Blanco, Miguel Ángel Pérez, Mario Andújar ou María José Pose, quenes ocupan un posto entre as seis primeiras persoas na lista do PSdeG-PSOE de Vimianzo e onde tamén “veremos caras novas que aportarán frescor e dinamismo” a unha lista xa de por si moi completa no que a competencias se refire.

Acompañarán a Rodríguez o actual secretario xeral dos socialistas en Galicia, Valentín González Formoso, e seu homólogo no PSdeG-PSOE provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro. Conducirá o acto Paula Mouzo.