Mónica Rodríguez será de novo a candidata do PSOE á alcaldía de Vimianzo

Socialistas Vimianzo.

A Agrupación do PSOE de Vimianzo respaldou por unanimidade a Mónica Rodríguez como cabeza de lista da formación de cara as eleccións municipais do 28 de maio. Así, a líder socialista, que rexe a localidade vimiancesa dende o 2019, repite como candidata coa responsabilidade e o desexo de acadar un segundo mandato co que seguir “desenrolando o proxecto socialista para que Vimianzo siga medrando e avanzando cara o éxito”, apuntaban os membros da agrupación.
A agrupación local quixo poñer en valor ás actividades que se veñen desenvolvendo dende o Concello no transcurso destes catro anos nos cales o municipio “se encheu desa vida que tanto necesitaba a poboación e os negocios da vila” e engadiron que se senten “afortunadas e afortunados de contar con Mónica como candidata” de quen aseguran que “é a persoa correcta, a candidata idónea para levar a cabo unha acción política de goberno comprometida, progresista, feminista, igualitaria e de diálogo, que tanto merecemos as veciñas e os veciños de Vimianzo”.
A candidata socialista Mónica Rodríguez, quixo aproveitar a ocasión para “agradecer enormemente” o apoio recibido por parte de todas e todos as/os militantes socialistas e da veciñanza pola confianza depositada na súa persoa. Tamén subliñou o traballo realizado pola Secretaria Xeral, Paula Mouzo e polos membros da Executiva da Agrupación local e expresou con agarimo a gratitude “polo día a día, polo esforzo e pola gran labor levada a cabo” cara o equipo de goberno que a acompañou durante este mandato. “Estou profundamente agradecida e é para min unha honra que se me permita volver repetir como candidata das siglas do Partido Socialista. Síntome comprometida e identificada co presente e co futuro deste municipio e afronto esta confianza depositada con emoción, forza, ilusión, e sobre todo con ganas de seguir traballando no proxecto que considero que Vimianzo necesita. Foron catro anos nos que todo o equipo socialista traballamos por trasladar o noso proxecto ás catorce parroquias que conforman o noso concello e queremos seguir traballando e seguir avanzando por e para estas catorce parroquias”. Durante a súa intervención, quixo declarar a relevancia do diálogo que “seguirá sendo un piar fundamental da política socialista” e manifestou que “a miña porta sempre está e estará aberta para todas e para todos as veciñas e os veciños de Vimianzo”.
Na Asemblea estiveron avalando a reelexida líder socialista, membros da Executiva do PSdeG Provincial encabezado polo seu Secretario Xeral, Bernardo Fernández Piñeiro quen, ademáis de animar a toda a militancia a seguir traballando e a continuar sendo “ese apoio e axuda incondicional” para o partido e para a rexedora, manifestou a súa total confianza “na extraordinaria labor” que desenvolveu o partido socialista neste Concello durante estes catro anos, salientando que a súa líder “é sen dúbida algunha, a mellor das candidatas e temos claro que seguirá sendo a alcaldesa da vila”.
Tralo remate da xuntanza, o PSOE de Vimianzo celebrou de novo, logo do paro obrigado por mor da pandemia, a Cea anual da Agrupación, unha ocasión que, tal e como apuntaba a Secretaria Xeral, “serviu de reencontro con compañeiras e compañeiros, con amigas e amigos, para falar, distraernos e cargarnos de enerxía de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio”.