A rexedora socialista salientou en primeiro lugar os avances que se impulsaron no Parque Empresarial. Nomeadamente a visita da xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo. “No marco da xuntanza afianzamos fórmulas para que o parque empresarial de Vimianzo sexa máis accesible e asequible para as empresas e mercados”, recorda a alcaldesa.
Mónica Rodríguez sinala tamén que foi consecuencia desta reunión con Sestayo a convocatoria para este mes de outubro dunhas Xornadas de Asesoramento personalizado para as empresas interesadas. Estas xornadas xa teñen fixada a data de celebración, o luns 28 de outubro, e terán lugar no propio Concello (aberta a inscrición ata o día 23). Outro dos obxectivos acadados froito do entendemento entre a alcaldesa e a xerente de SEA foi o acordo para a limpeza do parque empresarial.
Ao igual que a promoción do parque empresarial como medida de impulso económico, o programa de Mónica Rodríguez tamén facía fincapé na necesidade de rachar coa parálise urbanística no municipio. A desconxestión urbanística que abandeira o goberno local está tratando expedientes que levan “meses e anos” paralizados que agora “se están a tratar con toda a rigorosidade para que vaian saíndo”. Ao mesmo tempo se esta a compoñer un Departamento de Urbanismo que todos os días da semana vaia asesorando e dando resposta ás consultas que precisen os nosos veciños”.
Un dos logros que destaca Rodríguez no plano do Benestar é o desbloqueo da Escola Infantil. “Grazas ao esforzo dos departamentos de Servizos Sociais e de Obras, tanto dos seus responsables políticos como do persoal, especialmente no mes de agosto”, se conseguiron, 20 novas prazas para a escola infantil, ademais de importantes melloras de espazo a través da cuarta aula, como o novo comedor.
No marco da conciliación e da mellora da atención ás as familias, “unha das nosas prioridades na acción de Goberno” segundo Rodríguez, desde o 1 de outubro Vimianzo conta por primeira vez con servizo de Madrugadores no colexio de San Vicenzo. Posibilítase así a paulatina incorporación das crianzas no centro escolar dende as 07:30 h ata as 9:30 h, flexibilizándose deste xeito as circunstancias laborais das familias.
Vimianzo tamén comezou o estudo con Camariñas e Muxía para incorporar un servizo de Atención Temperá.
En materia de Ocio e Cultura, fíxose un “extenso programa cultural e de actividades deportivas” tanto para o verán como agora para o inverno, “procurando estender a maior cobertura por idades e satisfacendo na medida do posible as demandas das asociacións”, dixo Rodríguez. En materia de investigación cultural tamén cabe salientar a escavación arqueolóxica que dirixe o profesor Tito Concheiro. Xa deu comezo a segunda fase do proxecto. “Coa recente reserva económica duns 15.000 euros aprobada por medio da modificación de crédito no último pleno, este goberno quere dar mostras da firme aposta que está facendo por este proxecto arqueolóxico” para converter o Castro das Barreiras nun equipamento cultural do Concello de Vimianzo. Dentro do coidado e posta en valor do patrimonio, a alcaldesa lembra tamén as manobras orzamentarias necesarias para proceder á limpeza e coidado dos Dolmens e outras partes do patrimonio de Vimianzo.
No relativo á xestión financeira do concello para desenvolver os compromisos programáticos e a xestión normal do municipio, salienta a rexedora socialista a consecución dun crédito do IDAE por valor de 2,5 millóns de euros para acometer unha medidas de aforro enerxético por medio dun cambio integral das luminarias nas 14 parroquias do concello. “Melloraríamos ao mesmo tempo cumprir coa normativa de Medio Ambiente e mellorar a luminosidade en moitos puntos, que aínda tratándose dos cambiados recentemente non compren”, insiste Rodríguez.
Como penúltimo punto a destacar dos cen días de xestión menciona Mónica Rodríguez a posta en marcha do POS + adicional da Deputación, con “catro obras moi importantes, unha senda en Berdoias, unha reforma considerable levada a cabo no edificio de servicios múltiples, unhas pistas en Cereixo e en Baíñas e un decantador e unha nova instalación para evitar os problemas que estamos a ter no Parque Empresarial coa auga”.
Non esquece dentro das cuestións destacadas pola alcaldesa socialista de Vimianzo a enorme resposta do persoal do concello para crear de inmediato un equipo de resposta ás peticións que chegan ao concello para o mantemento da vila e os núcleos rurais. “Estanse a substituír papeleiras e colocar outras novas onde se solicitan, así como os colectores de lixo, repintamos os vados, limpamos as marquesinas, en definitiva, facer un mantemento sostible que permita dar sensación de coidado como se merecen os nosos núcleos e a nosa vila, facendo cada vez o concello máis acolledor”, salienta a alcaldesa.
En resumen, Mónica Rodríguez repasa estes 100 días de Goberno local de Vimianzo con un “balance positivo da xestión, que non sería posible sen a colaboración das compañeiras e compañeiros de Goberno e da plantilla municipal que se implicou de xeito profesional en todo o que se lle encomendou, entendendo o sobreesforzo necesario polo ben común en algunhas das actuacións, como o adecentamento das rúas e núcleos para as festas ou o apuro do papeleo para que non se perderan oportunidades por culpa dos prazos”. Consciente de que queda moito por facer, “mantemos e incluso incrementamos a ilusión coa que chegamos ao goberno logo de ver que prevalece no concello e na veciñanza a ilusión de traballar unidos por Vimianzo, de avanzar por un concello agradable para vivir e que medre de xeito sostible”.