Monte Neme puxo fin ao 8 Outono en Marcha de Senda Nova

1 minutes read

A Asociación Medioambiental Senda Nova en colaboración coa Plataforma Monte Neme, organizou diversas actividades englobadas no programa da plataforma dos “Ecos do Nemio”, que tenta poñer en valor e divulgar o patrimonio do Monte Neme.

Tivo lugar no ENO unha conversa cos maiores acerca do Volframio e a Eira das Meigas na que se deron a coñecer moitas vivencias e acontecementos dos tempos da explotación do mineral no Monte Neme e obtiveronse novos testemuños da morfoloxía do crómlech da Eira das Meigas.

Logo, foi o momento de visitar ese lugar do que nos falaron os maiores e atar eses recordos á realidade actual. En certos lugares non é doado e require un gran exercicio de imaxinación situar os acontecementos pasados e poñernos en contexto, noutros non é difícil porque aínda se conservan e non mudaron moito, dígase como algo positivo por un patrimonio que aínda estamos a tempo de conservar, por outra parte como algo negativo, pois non houbo a recuperación natural debida dunha explotación que data de hai case un século de historia.

O percorrido pasou, como é habitual, pola igrexa, e o peto de ánimas de Oza, as Torres, o castro do Rodo, as Casas das minas e a Eira das Meigas. Alí, na Eira, comprometéronse co Xuramento do Monte Neme, unha iniciativa da Plataforma Monte Neme que tenta fomentar unha visita responsable do Monte Neme a través dun compromiso xurado simbólico.

Así remataron as rutas do Outono en Marcha, pero recordade que aínda non remataron as Tardes no Espazo, cos encontros con Moncho Ríos e Paco García e os filmes.