Monteraiola | Novo atuneiro cerqueiro do Grupo Calvo

1 minutes read

O Grupo Calvo conta cun novo buque de última xeración de 77 metros de eslora e unhas 1.000 toneladas de capacidade que construíu o estaleiro vigués Construcións Navais P. Freire. Trátase do primeiro buque posto en servizo no marco do plan de renovación da frota desta empresa carballesa, que prevé substituír os barcos máis antigos por outros modernos e eficientes garantindo así a súa capacidade de subministración de materia prima de calidade de xeito sustentable.

A frota do grupo Calvo está composta na actualidade por 12 embarcacións -sete atuneiros, dous mercantes e tres buques de asistencia- nos que traballan máis de 400 tripulantes. A compañía conta con máis de 4.500 empregados en todo o mundo e vende os seus produtos en arredor de 70 países. Entre os seus obxectivos está ofrecer alimentos saudables e de calidade aos consumidores, apostar constantemente pola innovación nos seus procesos e poñer ás persoas no centro da súa actividade.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este novo buque no porto de Vigo, onde salientou o compromiso con Galicia de empresas como Calvo e a súa aposta constante polos profesionais da comunidade, o que contribúe a que sexa unha rexión de referencia mundial no eido da pesca.