Montse Fajardo debulla no IES Maximino de Baio a súa obra Invisibles sobre a violencia machista

1 minutes read
  • Esta charla está enmarcada nos actos conmemorativos polo Día Mundial contra a Violencia de Xénero (25 de novembro)

O IES Maximino Romero de Lema (Baio, Zas) contou este xoves coa presenza da escritora Montse Fajardo, quen intercambiou reflexións co alumnado do instituto sobre o seu libro Invisibles, centrado no testemuño de oito vítimas da violencia machista. Esta charla enmárcase dentro dos actos cos que o centro conmemorará o Día Mundial contra a Violencia de Xénero, que se celebrará o 25 de novembro.

A escritora mostrouse moi emocionada e agradecida tanto cos estudantes coma cos profesores que, ao ritmo da canción Matriarcas de Guadi Galego, acudiron á sala vestidos de branco simbolizando que o maltrato á muller «é un problemas de todos», sinalan desde o instituto.

Despois da presentación realizada por dúas alumnas, Fajardo explicou a orixe da súa obra e o que supuxo para cada protagonista revivir cadansúa historia, facendo un percorrido polas diferentes realidades das mulleres e subliñando certos aspectos que as unen como a dor.