- Sanitarios do Summa 112 acharon o cadáver na vivenda da actriz
O corpo sen vida da actriz Verónica Forqué (Madrid, 1955) foi achado este luns na súa casa de Madrid. Segundo recolle RTVE, preto da unha da tarde unha persoa chamou ao Emerxencias para alertar dun posible intento de suicidio nunha vivenda situada na rúa Víctor de la Serna. Cando membros do Summa 112 chegaron ao lugar só puideron confirmar o falecemento da actriz.
A hipótese máis forte que barallan as forzas de seguridade que investigan o caso é que se trate dun suicidio, unha situación que casaría perfectamente cos últimos acontecementos protagonizados pola actriz como a súa marcha do concurso español Master Chef por cansazo. «La verdad, estoy regular. Necesito descansar», confesaba Forqué no programa de cociña, facendo público que non podía máis e que o seu corpo e o universo «me estaban diciendo ‘tú tienes que parar’».
Foi unha das grandes actrices do cinema e teatro español, e así o corroboran os seus catro premios Goya, dous Sant Jordi e tres Fotogramas de Prata entre outros moitos galardóns. Forqué tamén foi chica Almodóvar (¿Qué he hecho yo para merecer esto?, Matador y Kika), e traballou con Fernando Colomo, Manuel Gómez Pereira, Fernando Trueba, Pilar Miró ou José Luis García Berlanga.