Morre dun infarto Eva García de la Torre, exalcaldesa do Porriño

1 minutes read

A exalcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, do PSdeG-PSOE, faleceu a primeiras horas da tarde deste xoves dun infarto, malia que a trasladaron axiña do seu despacho de avogados ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a onde xa chegou en parada cardiorrespiratoria. García de la Torre dimitira en decembro pasado da alcaldía para evitar unha moción de censura no concello porriñés. Gañara a alcaldía en 2015 e en 2019. O ano pasado decidiu dimitir por problemas cos seus socios de lexislatura e a alcaldía pasou ao candidato da lista máis votada, o PP.  O concello co novo alcalde, Alejandro Lorenzo, á fronte, anunciou tres días de loito oficial tras coñecer a noticia. Eva García de la Torre nacera en 1962 en Sevilla, pero levaba anos en Galicia exercendo como avogada. En 2011 entrara no Concello como número 4 na lista do PSdeG-PSOE.