As traxedias solápanse en Ucraína. Cando o país aínda non dixeriu a matanza de Dnipro, un accidente de helicóptero deixou 14 mortos e 25 feridos en Brovary, nos arredores de Kiev. Quedou tocada a cúpula do Ministerio do Interior. Entre as vítimas había un neno. A aeronave estrelouse onda unha gardería. Once nenos resultaron feridos.
«É unha terrible traxedia», declarou o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, nada mais coñecer o sinistro no que morreu o titular de Interior, Denys Monastyrsky, o seu primeiro adxunto, Yevhen Yenin, e o secretario de Estado de Interior, Yuriy Lubkovych, e outras seis persoas que se achaban a bordo.
As outras cinco vítimas mortais, delas un neno, producíronse en terra, precisou o Servizo Estatal de Emerxencia de Ucraína (DSNS), ao que pertencía o helicóptero, un H225 Super Puma, que se estrelou onda unha gardería infantil e un edificio de vivendas da cidade de Brovary, nos arredores de Kiev.