Maricarmen Abascal, a muller de 87 anos que foi desafiuzada o pasado 23 de setembro en Madrid, morreu este mércores, tras quince días hospitalizada, segundo informou o Sindicato de Inquilinas a través dun comunicado.
Maricarmen foi trasladada ao hospital inmediatamente despois de ser expulsada da vivenda onde residira durante as últimas sete décadas, situada no distrito madrileño do Retiro. O seu estado de saúde era delicado, tal como alertara a súa contorna, aínda que a muller si puido enviar varias mensaxes desde o hospital para agradecer o respaldo recibido e chamar á mobilización social.
O Sindicato de Inquilinas lamentou nun comunicado que o acordo alcanzado coa empresa propietaria do inmoble e que lle permitía volver á súa casa chegou «demasiado tarde» para Maricarmen, que viviu «unha situación absolutamente evitable tras un proceso torturante».
«Agora, tras a súa partida, quedamos co exemplo de loita e o legado que deixou Maricarmen. E, sobre todo, cumpriremos o que ela sempre nos pedía: ‘loitade, seguide loitando polo que é voso'», afirmou a organización nun comunicado. «Seguiremos loitando por ti, por todas, como sempre quixeches», subliñou o Sindicato de Inquilinas, impulsor da acampada na Porta de Sol pola vivenda.
