Morre o exbaloncestista Kobe Bryant en accidente de helicóptero


Bryant, de 41 anos, viaxaba con polo menos outras catro persoas, entre as que estaría a súa filla Gianna de 13 anos, no seu helicóptero privado cando este se precipitou contra o chan e se viu envolvido en chamas. Persoal de emerxencias acudiu ao lugar do sinistro e confirmouse que non había sobreviventes. A súa esposa e as súas outras tres fillas non se atopaban na aeronave. Testemuñas oculares afirmaron que o motor do helicóptero fixo un son estraño antes de que caese ao chan. A causa do accidente está a ser investigada. Era habitual que o exxogador dos Lakers utilizase o seu helicóptero Sikorsky S-76 privado para desprazarse.
Bryant estaba casado con Vanessa e tiña catro fillas: Gianna, Natalia, Bianca e a recentemente nada Capri.
Kobe está considerado como un dos mellores xogadores da NBA de todos os tempos, xa que formou parte 18 veces do equipo das estrelas durante os seus 20 anos de carreira cos Lakers. Foi elixido na primeira rolda do draft de 1996 e gañou cinco aneis da NBA, dous premios ao xogador máis valioso (MVP) das finais da NBA e foi o MVP da liga en 2008. O equipo angelino retiraró as dúas camisetas de Kobe, a número 8 e a 24. É o único xogador na historia que recibiu esa honra.

O mundo chora a perda de_’Black Mamba’_
Pau Gasol, xogador español de baloncesto, admitiu na súa conta persoal de Twitter estar «máis que esnaquizado» ao decatarse da noticia. Outras personalidades do deporte e do espectáculo fixeron eco da súa tristeza.