O piloto do vehículo que se saíu da vía, Jesús López, de 48 anos, faleceu e o coche quedou completamente calcinado.
O condutor doutro vehículo que tamén participaba na proba resultou ferido de consideración, tras ser alcanzado polo primeiro vehículo. Ademais, aínda que non parece revestir gravidade, un espectador tamén resultou ferido.
Segundo a información recibida no 112 Galicia, a organización dispoñía de ambulancias e persoal sanitario no evento. De feito, os dous feridos, o piloto do segundo vehículo afectado e o espectador foron trasladados polos servizos sanitarios da mesma organización ao Hospital de Ourense. Aínda así, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia que enviaban ao punto un vehículo sanitario co seu equipo médico para atender á muller e á afillada do falecido.
Sucedeu ás 12:00 horas do mediodía deste domingo. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba o fatídico accidente ao 112 Galicia. A partir de aí, púxose en marcha un operativo de intervención formado por, ademais do persoal sanitario, polos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, membros do GES de Pereiro de Aguiar e da Garda Civil de Tráfico.