Morre o xornalista José Antonio Gurriarán


  • Nacido en 1939 no Barco de Valdeorras, Ourense, José Antonio Gurriarán López viviu a súa infancia e a súa mocidade na súa localidade natal. Empezou a facer esporádicas colaboracións no xornal Sil e na emisora Ondas do Sil.

Gurriarán comezou a súa actividade xornalística en 1963 no diario Alerta de Santander e un ano despois conseguiu a titulación en Xornalismo pola Escola Oficial de Madrid, cidade na que tamén estudou Dereito.

Durante ese ano e o seguinte traballou de auxiliar de redacción da axencia Hispania Press, en 1965 foi redactor de sucesos e enviado especial en El Alcázar e traballou en revísta Semana.

Entre 1967 e 1971 estivo no diario montañés, primeiro como redactor e logo como director; xa en 1975, foi nomeado subdirector de Arriba e ao ano seguinte pasou a desempeñar a dirección da Revista de Xeografía Universal.

En outubro de 1984 converteuse no secretario xeral dos Servizos Informativos de Televisión Española, onde despois ostentaría os cargos de director dos Informativos de fin de semana e de subdirector adxunto ao director dos Servizos Informativos. Desde 1989 ata 1996 foi o correspondente da cadea pública en Lisboa, desde onde transmitiu case cinco mil crónicas de radio e televisión.

Á súa volta España, asumiu a dirección dos Servizos Informativos de Canal Sur Televisión e, dous anos despois, de Canal Sur TV-2, que abandonou en xaneiro de 1999 para facerse cargo da dirección da corresponsalía da televisión andaluza en Bruxelas ata 2002.

En 2006, e xa en España de novo, foi elixido vicepresidente do Club Internacional de Prensa de Madrid, no que pouco despois ocupou a presidencia.