Un veciño de Vilalba de cen anos faleceu na tarde deste mércores nunha colisión frontal entre o vehículo que conducía e outro turismo á altura do quilómetro 7 da estrada autonómica Vilalba-Paraxes, no termo municipal vilalbés.
Axiña trasladaron o home gravemente ferido ao Hospital Lucus Augusti no que morreu e no que ingresaron outras tres persoas feridas no mesmo accidente.
Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para alertar do choque entre os dous vehículos, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ao lugar dos feitos e no que unha das persoas feridas foi trasladada ao Hospital Universitario Lucus Augusti. Por outra banda, a outra persoa que tamén resultou ferida de gravidade, foi evacuada nunha ambulancia ao mesmo centro hospitalario.
Cómpre sinalar que, ademais, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do Servizo Municipal de Protección Civil e do servizo de mantemento da vía de circulación.