- O incidente produciuse preto das seis da tarde deste martes na AC-524
Unha persoa faleceu este martes tras chocar contra un camión mentres circulaba co seu vehículo pola AC-524, ao seu paso por Frades (A Coruña). En concreto o accidente produciuse no punto quilométrico 10, á altura da parroquia de Abellá, uns minutos antes das seis da tarde. O falecido era o único ocupante do turismo.
Ata o lugar desprazáronse os profesionais sanitarios así como os Bombeiros de Ordes, que tiveron que excarcerar á vítima. Unha vez liberada, o persoal do 061, que desprazou un helicóptero medicalizado ata a zona, tan só puido confirmar o seu falecemento.
Para garantir as condicións de seguridade na vía desde o 112 Galicia tamén comunicaron a situación aos axentes da Garda Civil Tráfico e aos traballadores do servizo de mantemento das estradas.