Emerxencias de Galicia 112 informa de que minutos despois das 20:40 horas deste sábado chegou o primeiro aviso dun atropelo na A-6. Foi un dos particulares que viaxaban no coche implicado quen informou o 112 Galicia de que acababan de accidentarse á altura do quilómetro 521 da A-6, ao seu paso por San Martiño de Pacios (Begonte) e en dirección Lugo. Desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Friol-Palas e dos servizos de mantemento da estrada. Tamén se informaron os Bombeiros de Vilalba.Os equipos de emerxencias confirmaron dende o lugar dos feitos que se tratara dun atropelo a un home, cuxo falecemento foi confirmado pouco despois polos servizos sanitarios a pesar dos esforzos por salvarlle a vida. As forzas da orde investigan as circunstancias do suceso.
Falece apuñalado na Coruña
O suceso rexistrouse arredor das nove da noite deste sábado nas inmediacións do parque de Santa Margarida, preto da porta que dá á Ronda de Nelle. O agresor está detido e foi trasladado ao cuartel de Lonzas. Segundo as primeiras hipóteses, todo comezou cunha discusión entre o agresor e o agredido. Un deles sacou unha arma, probablemente unha navalla, e cravoulla ao outro. O presunto homicida, con antecedentes penais, fuxiu do lugar, pero foi detido pouco despois. A vítima é un mozo duns vinte anos, segundo confirmaron fontes da Policía Nacional que investiga o ocorrido.