Morre un home atropelado no Pino este 1 de xaneiro por un coche que se deu á fuga

1 minutes read

A Garda Civil informou nun comunicado ao mediodía deste luns de que un home de 67 anos idade faleceu na mañá deste 1 de xaneiro atropelado na súa localidade de residencia, O Pino, por un vehículo que, segundo testemuñas presenciais, deuse á fuga. O suceso ocorreu pouco antes do mediodía, cando un vehículo atropelou tanto ao home falecido como a unha muller que o acompañaba, que resultou ferida. Tras o sinistro, o condutor abandonou o lugar dos feitos. O peón afectado faleceu como consecuencia do golpe, mentres que a muller foi atendida por persoal sanitario.

Pouco despois a Garda Civil, que se fixo cargo da investigación, detivo na súa casa o suposto autor do atropelo. Trátase dun mozo de 19 anos, veciño da zona, que deu positivo no test de alcolemia que lle realizaron os axentes que levan a investigación. Duplicou a taxa de alcol permitida para un condutor novel.  O estado da outra persoa ferida no sinistro non reviste gravidade. O mozo quedou en liberdade con cargos á espera de xuízo. Podería enfrontarse á acusación de homicidio imprudente e de omisión do deber do socorro.