Un home faleceu ao envorcar o tractor que conducía e co traballaba nunha nave no municipio de Triacastela, segundo informou o servizo de Emerxencias. Os equipos que acudiron á zona puideron liberar do peso do tractor a vítima, de 50 anos, que morreu no lugar. O accidente produciuse nunha nave dedicada á cría de pitos na parroquia de Vilavella.
Todo indica que o tractor que conducía o falecido envorcou ao tentar subir por un noiro. O vehículo quedou boca abaixo e esmagou no acto o ocupante, porque carecía tanto de cabina como de arco de seguridade. Os bombeiros de Sarria foron os encargados de retirar o falecido.
Ademais dos bombeiros de Sarria, ata o lugar trasladáronse efectivos da Garda Civil e do GES de Becerreá, así como un equipo sanitario que só puido certificar a morte do home, que era o propietario da granxa.