Un home perdeu a vida este venres nun accidente que sufriu co seu tractor cando estaba nunha parcela da parroquia de Queizán, no concello lugués do Corgo. Segundo informa o 112, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Sarria para liberar o corpo da vítima, que quedara atrapado polo vehículo agrícola. No operativo, activado de inmediato desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, participaron os servizos sanitarios, Bombeiros de Sarria e os axentes da Garda Civil. Os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do implicado.
Unha muller falecida tras saírse da vía co seu vehículo en Vigo
O accidente produciuse na VG-20, no punto quilométrico 11,5, ao seu paso pola parroquia de Beade. O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 03:05 horas deste venres a través da chamada dun particular, que indicaba que acababa de colisionar cun vehículo envorcado na vía. Pouco despois, outros alertantes volveron contactar co servizo de emerxencias advertindo da gravidade do accidente, xa que o turismo presentaba importantes danos.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia confirmaron que no accidente se viron implicados dous vehículos. Nun primeiro momento produciuse unha saída de vía na que unha muller perdeu a vida e, posteriormente, outro coche impactou contra o turismo accidentado, resultando o seu ocupante ferido de carácter leve.
Así mesmo, e co fin de prestar apoio aos familiares da vítima, activouse o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.