Morre un home nun incendio rexistrado nunha casa en Ferrol


Un home de 65 anos faleceu no incendio que se rexistrou nunha vivenda nun inmoble da rúa Carlos III, no barrio de Esteiro en Ferrol. As lapas comezaron nun cuarto da casa, que ten baixo e un primeiro andar con seis dormitorios. Algunhas fontes indican que funciona como unha pensión, aínda que non consta que estea rexistrada para esta función. Ao parecer, alí dormen inmigrantes suramericanos, entre os que estaría o falecido.

A vítima mortal estaba nun cuarto lindeiro ao que se incendiou que ardeu por completo e faleceu por inhalación de fume mentres durmía. O seu cuarto estaba pechado por dentro e os bombeiros localizaron o cadáver tras derrubar a porta. O persoal do 061 intentou sen éxito reanimalo.

Unha muller de nacionalidade brasileira precisou ser trasladada ao hospital, afectada por inhalación de fume. Outras dúas persoas foron evacuadas da vivenda. Ata o lugar trasladáronse dúas dotacións dos bombeiros de Ferrol con dous vehículos, ademais de persoal do 061 e axentes da Policía Local e da Policía Nacional, que investigan as circunstancias do suceso.