Un motorista de 35 anos, veciño de Acea de Ama en Culleredo, faleceu este luns nun accidente ocorrido no quilómetro 580 da N-VI, á altura de Guísamo, no termo municipal de Bergondo. A zona na que se produciu o sinistro trátase dun punto negro de tráfico, onde conflúen un dobre carril e un cruzamento perigoso. Ademais da motocicleta do falecido, víronse implicados un camión e un turismo Mercedes.
Ao lugar desprazáronse os bombeiros de Betanzos, o 061, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Bergondo, pero xa nada puideron facer para salvarlle a vida ao motorista.
Un condutor falecido en Muxía:
O condutor dun turismo resultou falecido este luns despois de sufrir, posiblemente, unha indisposición e saírse da vía co seu vehículo.
Ocorreu pasadas as once horas da mañá na DP-2303, ao paso polo concello de Muxía, onde acudiu un equipo médico a bordo do helicóptero con base na cidade de Ourense sen que puidesen facer nada por salvar a vida da persoa.
Precisamente, os labores de asistencia ao condutor obrigaron a interromper o tráfico, á altura do cruzamento coa parroquia de Montesiños.
Foi a chamada dunha persoa particular ao 112 Galicia a que deu conta dun turismo parado na vía. Enseguida, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos profesionais do 061- Urxencias Sanitarias, que enviaron á zona un equipo a bordo do helicóptero. Con todo, nada puideron facer por salvar a vida da persoa, que entrara en parada cardiorrespiratoria.
Este operativo completárono axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local e voluntarios de Protección Civil da localidade.